subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

A Aula Mentor de Oroso inicia en setembro o novo programa ‘Oroso Forma e Emprende’ para ensinar a desenvolver ideas de negocio.


Cun máximo de vinte participantes, o prazo de solicitude de participación estará aberto desde o 29 de agosto ata o 12 de setembro.
O programa dá acceso a unha bolsa de formación para a realización dun itinerario formativo personalizado con cursos da Aula Mentor.

orosoA Aula Mentor Educa Oroso iniciará en setembro o novo programa ‘Oroso Forma e Emprende’, orientado a persoas que buscan unha saída profesional mediante o autoemprego. O programa contará cun máximo de vinte participantes e abrirá o prazo para solicitar praza entre o 29 de agosto e o 12 de setembro.

Poden solicitar persoas de entre 16 e 65 anos, interesadas en acadar formación específica sobre un sector profesional, ademais de en obter formación e recursos para crear o seu proxecto persoal e facilitar a incorporación ao mercado laboral.

‘Oroso Forma e Emprende’ ten como principal finalidade axudar a desenvolver ideas de negocio que poidan traducirse na constitución final dunha empresa. Para iso, as persoas que participen poderán escoller itinerarios formativos e contarán cunha mentorización directa e integral.

Deste xeito, o contido principal do programa será a tutela profesional das iniciativas que propoñan as persoas participantes. De primeira man e de xeito práctico e experiencial, poderán coñecer e avaliar as oportunidades e dificultades de crear un negocio ou unha iniciativa emprendedora de autoemprego. Nesas prácticas pre-profesionais, ademais de recibir formación, contarán cun seguimento e unha asesoría continua. Con este apoio, poderán traballar as ideas de negocio e desenvolvelas cun sistema de simulación activa. O programa primará neste sentido a cooperación entre participantes.

A selección de participantes efectuarase utilizando diversas valoracións, con especial atención ao interese na formación e no desenvolvemento de proxectos. A bolsa de formación coa que contarán permitirá completar un itinerario formativo personalizado, a escoller entre os máis de 170 cursos que oferta a Aula Mentor do Concello de Oroso.

Para solicitar a participación, cómpre presentar a solicitude debidamente cuberta, unha fotocopia do DNI, un currículo vitae e a ficha de valoración debidamente cumprimentada, que se pode obter nos seguintes enlaces ou na Aula de Formación Educa Oroso.

Descargar formulario de solicitude.
Descargar ficha de valoracion.