subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Clausúrase o IV Campus de Verán da Fundación Celta en Oroso, no que participaron 45 nenos e nenas.


orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o coordinador das escolas deportivas do Real Club Celta, Diego Sarabia, clausuraron o IV Campus de Verán Oroso Fundación Celta. Esta actividade deportiva desenvolveuse durante o mes de xullo e contou coa participación de 45 nenos e nenas de entre catro e dezaseis anos de idade. No acto tamén participou o coordinador dos campus do equipo vigués, Álex Abalde, o equipo técnico do campus e familiares dos cativos.

Manuel Mirás tivo palabras de agradecemento para os participantes e para as súas familias e felicitou á Fundación Celta de Vigo polo desenvolvemento do campus. O alcalde expresou o seu desexo de que esta iniciativa teña continuidade porque “en Oroso sempre pensamos que o deporte fainos mellores persoas e neste campus compróbase moi ben, porque ademais de fútbol ensínanse aspectos como valores deportivos, comportamento ou hábitos de vida saudables”.

Pola súa parte, Diego Sarabia agradeceu aos nenos e nenas e as súas familias “a confianza que depositan en nós para acudir ao campus durante todo un mes” e felicitou ao Concello de Oroso pola iniciativa, froito da colaboración que mantén desde hai anos coa Fundación Celta de Vigo.

Tras a entrega dos diplomas do campus, sorteáronse diversos agasallos entre os participantes, tales como balón ou material de equipamento deportivo. Entre eles, camisetas asinadas polos xogadores do Celta de Vigo Sergio Álvarez e Iago Aspas.

Durante estas catro últimas semanas, os nenos e nenas que asistiron ao campus viviron concentrados coma nun equipo de fútbol durante as mañás, mentres que pola tarde participaron en distintas actividades de ocio: multideporte, piscina, tenis de mesa, saídas de sendeirismo, sesións de fútbol burbulla, excursión ao parque acuático de Cerceda, charlas e proxeccións ou unha visita ás instalacións do Celta de Vigo na Madroa e ao estadio de Balaídos.