subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O pleno de Oroso aproba por unanimidade destinar 500.000 euros do superávit de 2016 a seis proxectos de obras.


Os principais investimentos serán o saneamento entre Os Carballos e Vilar de Arriba, a reparación da pista entre O Cachopal e a igrexa de San Mamede e a reurbanización da Rúa de Ourense.
No pleno deuse lectura ao comunicado conxunto de todas as forzas políticas para esixir a apertura inmediata do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro, na véspera da manifestación de mañá.

O pleno de Oroso aprobou esta mañá a utilización de 500.000 euros do remamente líquido de tesourería do exercicio 2016 para seis proxectos de obras. A medida, aprobada por unanimidade, consiste nunha modificación do orzamento vixente de 2017 para incorporar os recursos xerados ao estado de gastos.

O alcalde, Manuel Mirás, afirma que “grazas á boa xestión feita polo goberno municipal nos últimos anos podemos manter a ampliar servizos para a poboación e ademais acometer obras de moito interese para todo o municipio”. O rexedor explica que o remanente líquido de tesourería do ano pasado ascendeu a case 590.000 euros e que os 500.000 que agora se destinan a obras conforman investimentos financeiramente sostibles, polo que se cumpre a lei de estabilidade orzamentaria.

Relación de obras

O principal proxecto que se financia con esta modificación orzamentaria, polo seu importe económico, é a dotación do servizo de saneamento entre Os Carballos e Vilar de Arriba, na parroquia de Deixebre. Esta intervención está orzamentada en 190.000 euros. Tamén se contempla a reparación da pista que vai desde O Cachopal ata a igrexa de San Mamede, na parroquia dos Ánxeles, cun investimento de 130.000 euros, máis a reurbanización da Rúa de Ourense, en Sigüeiro, á que se destinarán 100.000 euros.

Outras tres actuacións que se acometerán neste grupo de proxectos serán a dotación de alumeado na senda peonil na Fálmega e no Piñeirón, por importe de 30.000 euros; a instalación dunha bomba de presión hidráulica en Vilar de Arriba, orzamentada en 25.000 euros; e a instalación de céspede artificial na zona do parque infantil do Carboeiro, en Sigüeiro, para a que se reservan outros 25.000 euros.

Apertura do enlace sur da AP-9

No transcurso da sesión plenaria, o concelleiro de Urbanismo, Ordenación do Territorio e Mobilidade, Antonio Leira, deulle lectura a un comunicado consensuado por todas as forzas políticas con representación no pleno para esixirlle ao Ministerio de Fomento a inmediata apertura do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro e animar á poboación a participar na manifestación convocada polo Concello para mañá venres.

O documento sinala que a posta en servizo do novo acceso da autoestrada, rematado desde finais de maio, é “unha necesidade irrenunciable e inaprazable” que non debe demorarse “nin un minuto máis”. Tamén expón que “pode chegar a ser comprensible que unha construción deste tipo sufrise atrancos durante a súa execución, o que non é defendible nin presentable é que estea rematada e non se poida utilizar”.

O comunicado lembra ademais que fai xa quince anos desde que se solicitou por primeira vez o enlace sur desde o Concello e que se trata dunha infraestrutura que resultará “proveitosa tanto para particulares como para empresas, tanto para as que están radicadas aquí como para as que chegarán atraídas por esta nova facilidade nas comunicacións”.

Outros acordos

Na sesión plenaria de hoxe, tamén se aprobou por unanimidade dos asistentes un proxecto de expropiación de 446 metros cadrados por un importe de case 4.300 euros. Os terreos eran necesarios para instalar un bombeo correspondente ao saneamento nas parroquias de Oroso, Deixebre e Trasmonte. Se ben por erro non figuraban no proxecto inicial, si foron ocupados por Augas de Galicia durante a execución das obras, polo que co paso dado hoxe búscase resarcir aos propietarios pola situación creada.

Do mesmo xeito, tamén se aprobou habilitar 1.204 euros para pagar unha diferencia de xustiprezo nunha expropiación entre Vilalbarro e O Cruceiro para o proxecto de execución de rede eléctrica e preinstalación de luz pública e de zonas peonís no vial que comunica os dous núcleos.

Por último, tamén recibiron aprobación unánime unha modificación da relación de postos de traballo do Concello e outra modificación nas bases de execución do orzamento de 2017 que permitirá incrementar un 1% as retribucións do persoal municipal.