subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inviste 160.000 euros nunha senda peonil que unirá o núcleo de Senra co campo da festa e a igrexa.


Manuel Mirás anuncia que “ao longo da próxima semana iniciaremos un programa de limpeza de sendas peonís, agora que completamos a selección do persoal financiado a través da Deputación da Coruña”.

orosoO Concello de Oroso está a construír a súa duodécima senda peonil, nesta ocasión na parroquia de Senra, concretamente entre A Baiuca e a Igrexa de Santa Eulalia de Senra, pasando pola localidade de As Canteiras e chegando ata O Formigueiro. Un proxecto incluído nos Orzamentos Municipais de 2016, no que o Concello está a investir un total de 159.265 euros e que estará rematado nos próximos días.

Así o confirmaron o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, quen visitaron Senra para comprobar sobre o terreo a boa marcha dos traballos. “Son pouco menos de dous quilómetros pero darán moi bo servizo aos veciños e veciñas de Senra, pois unirá as beirarrúas da Baiuca na estrada DP-3801 Sigüeiro-San Mauro con, quizáis, a zona máis concorrida da parroquia, pois nela están a Igrexa de Santa Eulalia de Senra e o campo da festa”, explica Eduardo Veiras, quen confía en que “entre esta semana e a que vén as obras estean completamente rematadas”.

Senda do Piñeirón

As que xa están finalizadas son as da senda peonil entre Porto Avieira e o Piñeirón, na parroquia de Gándara, na que o Concello de Oroso investiu outros 116.178,14 euros. Trátase dunha senda peonil de 1,2 quilómetros de lonxitude que une a localidade de Piñeirón coa urbanización de Porto Avieira e, deste xeito, permite que os seus veciños e veciñas poidan chegar ata Sigüeiro por sendas peonís.

“No caso do Piñeirón culminamos un ambicioso proxecto como era unir esta localidade da Gándara con Sigüeiro a través de sendas peonís”, explica Manuel Mirás, quen apunta que “polo seu elevado custe non fomos quen de facelo dunha soa vez e tivemos que acometer o proxecto ata en catro fases diferentes pero hoxe podemos dicir que cumprimos co noso compromiso e que os veciños e veciñas de Piñeirón xa dispoñen dun camiño seguro para achegarse ata a capital do municipio”.

Ambas sendas teñen as mesmas características cas outras dez existentes no municipio (coa única excepción da que enlaza Sigüeiro coa Gándara, que foi realizada cunha capa asfáltica e cunha serie de illotes que separan os peóns do tráfico rodado). Así, as novas sendas teñen un ancho de dous metros, cunha base de grixo artificial compactado e con 15 centímetros de formigón.

Limpeza de sendas

O alcalde orosán amósase moi satisfeito “por ser un dos municipios galegos con máis quilómetros de sendas peonís construídas” e anunciou que “agora que rematamos co proceso de selección de persoal a través do Programa de Integración Laboral da Deputación da Coruña, ao longo da próxima semana acometeremos a limpeza das nosas sendas peonís”. Neste sentido, o Concello de Oroso disporá de dous peóns de limpeza, un oficial de 1ª e un peón de albanel, que se encargarán de acondicionar a ducia de sendas peonís coas que conta o municipio.

Así mesmo, nos próximos días incorporaranse tamén ao traballo a cuadrilla de loita contra os incendios que, cando non estean apagando un lume, dedicaranse a realizar traballos preventivos e de limpeza do monte, sobre todo naquelas áreas máis próximas ás vivendas.