subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso homenaxea á Banda de Música de Arca e aos músicos do municipio que formaron ou forman parte da entidade.


Manuel Mirás anuncia que o IV Festival de Bandas Oroso homenaxeará á Banda Música de Ordes e terá lugar o 7 de xullo de 2018.

orosoCentos de persoas ateigaron o campo da festa de Senra (Oroso) para asistiren á terceira edición do Festival de Bandas, organizado polo Concello de Oroso en colaboración coa Asociación de Veciños de Senra e a Deputación da Coruña, e que este ano homenaxeou á Banda de Música de Arca (O Pino). “Unha formación cun arraigo importante en Oroso porque moitos músicos da Lira de Senra e da Banda de San Mamede-Grabanxa se foron aló cando as nosas formacións desapareceron”, explicou o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, quen engadiu que “ademais son 150 anos de existencia”.

O alcalde orosán celebrou ver cheo de xente o campo da festa de Senra porque “dixen que este Festival de Bandas non ía ser algo efímero, polo que podo anunciar que a cuarta edición terá lugar o 7 de xullo e homenaxearemos á Banda de Ordes, porque o ten moi merecido coas súas desinteresadas colaboracións neste festival dende os seus inicios e porque ademais foi e é destino de moitos músicos de Oroso”. Un punto que celebrou o concelleiro de Cultura, Luís Rey Villaverde, que se amosou moi satisfeito coa asistencia ao festival pois “era a nosa proba de lume, xa que era a primeira vez que homenaxeabamos a unha banda que non é orixinaria de Oroso”.

Participación na Festa da Troita

Así mesmo, Mirás Franqueira aproveitou para anunciar que “moita xente me dixo que na Festa da Troita ten que haber unha banda de música, ademais de orquestras, charangas e grupos folclóricos. E teñen razón polo que para o 2018 haberá tamén unha banda de música na nosa festa máis senlleira”.

oroso O director da Banda de Música de Arca, José María Blanco Pampín, agradeceu a homenaxe do Concello de Oroso e salientou o feito de “poder ver a compañeiros e xente que estivo nos meus inicios na música, o que fai que veñan moitas anécdotas á miña mente”. Así mesmo, refrendou o apoio da formación a este festival: “para o que faga falta, a Banda de Arca estará dispoñible para colaborar”. Ademais dos diplomas e figuras conmemorativas entregadas aos membros da Banda de Arca, o alcalde de Oroso fixo entrega a José María Blanco dun cadro conmemorativo creado por Constantino Cuesta, pintor residente en Sigüeiro.

Pola súa banda, o director da Coral de Arca, Daniel Sánchez Barrán, celebrou o libro conmemorativo elaborado polo Concello de Oroso, que recolle en 36 páxinas a historia da Banda de Música de Arca e dos músicos orosán que pasaron por ela. Así mesmo, lamentou que “se perdera moita documentación dos músicos vellos cando a banda se mudou dunha casa particular ao antigo concello. Hoxe xa se garda todo”. Ademais, chamou a atención sobre un detalle que se dá tanto en Oroso coma no Pino: “a música funciona por aldeas, incluso podiamos que dicir que vai por familias”.

Homenaxe

oroso Finalmente, Eduardo Veiras, concelleiro de Obras e un dos principais impulsores deste evento canda José Calvo Rey e a Asociación de Veciños de Senra, salientou que “a Banda de Arca tivo unha ligazón moi importante co Concello de Oroso en xeral e con Sigüeiro en particular, amenizando coa súa música as distintas romarías e outros festexos. Houbo un tempo no que, por exemplo, era de obrigado cumprimento que a Banda de Arca acompañase ao funcionista na festividade de Santa Eufemia en Sigüeiro ou facer as festas patronais da Santa María, no mes de agosto en Ordes”. Ademais, cando desapareceron a Lira de Senra e a Banda de San Mamede-Grabanxa, “un bo número de músicos, naturais todos eles de Oroso, se incorporan á Banda de Arca e hoxe en día tamén hai mozos de Oroso. A todos eles vai dirixida dunha maneira especial esta homenaxe”.

Polo palco da música de Senra foron subindo os distintos músicos de Oroso que tocaron na Banda de Arca, que recolleron un agasallo e un diploma conmemorativo, como tamén o fixeron todos os integrantes actuais da banda. Previamente, a Igrexa de Senra acollera unha misa polos músicos falecidos, cantada pola Coral de Arca, e unha ofrenda floral diante do cruceiro de Senra. Despois tivo lugar un xantar de confraternidade, amenizado antes e despois polas actuacións das bandas de música de Arca e de Ordes, así como polo Trío Alborada, que puxo o punto e final aos festexos cunha verbena popular.