subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Aberta a inscrición no VI Campus de Fútbol da Fundación Celta en Oroso, dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos de toda a provincia.


O campus, que terá lugar do 3 ao 28 de xullo, inclúe visitas a Balaídos, ao aquapark, piscina, sendeirismo e a práctica doutros deportes.

orosoA Fundación Celta de Vigo e a Escola Deportiva Xuventude Oroso, en colaboración co Concello de Oroso, celebrarán do 3 ao 28 de xullo a sexta edición do seu campus de fútbol, dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos de toda a provincia. Unha edición que foi presentada esta mañá polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e polo director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta Torres; que estiveron acompañados polo concelleiro de Deportes de Oroso, Luís Rey Villaverde; e polo presidente da ED Xuventude Oroso, José Ferro Calvo.

Manuel Mirás asegurou que “é un orgullo ter un club como o Xuventude Oroso, onde hai tantos nenos e nenas practicando deporte e onde estamos conseguindo tantos éxitos, pois está considerado como unha das mellores canteiras de Galicia. E coa axuda do Celta conseguimos que este campus de verán sexa o máis importante dos que se celebren nas comarcas de Ordes e Compostela”. Mirás tamén felicitou ao Celta pola súa campaña e propuxo poñer en marcha “algún tipo de medida para concienciar aos pais e nais de que o deporte non é para facer guerra. Vemos que os nenos e nenas son respectuosos e levan no seu interior os valores intrínsecos a calquera deporte como o esforzo, a solidariedade, o sacrifico... Pero ás veces penso que tamén nos fai falla que eses valores cheguen aos que están na banda vendo os partidos”.

Pola súa banda, Germán Arteta explicou que os nenos e nenas que participen no Campus de Verán de Oroso vivirán como se estiveran baixo unha concentración dun equipo de fútbol, baixo o mesmo sistema de traballo que se emprega nas categorías inferiores do Celta de Vigo. A maiores indicou que todos os pequenos “trasladaranse a vivir unha xornada en Balaídos, coñecendo as instalacións, pisando o céspede e vendo os banquillos dos seus ídolos, ademais de adestrarse na Madroa con nenos e nenas de toda Galicia”. Arteta agradeceu a colaboración do Concello de Oroso e da ED Xuventude Oroso “na promoción do celtismo por toda Galicia, para seguir medrando en celtistas”.

Finalmente, José Ferro Calvo agradeceu o apoio do Concello de Oroso e da Fundación Celta de Vigo “que nos permite dar un salto de calidade neste campus, no que agardamos ter o mesmo éxito que en anos anteriores”.

Visitas a Balaídos e A Madroa

O VI Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo en Oroso terá unha duración de 4 semanas, entre o 3 e o 28 de xullo. As familias terán a posibilidade de matricular aos cativos por semanas soltas e de elixir entre dúas modalidades: matinal (de 10:00 a 14:00 horas) ou completa (de 10:00 a 18:00 horas). Durante as mañás, os rapaces vivirán concentrados coma nun equipo de fútbol, mentres que pola tarde haberá distintas actividades de ocio: multideporte, piscina, pádel, squash, charlas e proxeccións, rutas de sendeirismo, aquapark e unha visita ás instalacións do Celta de Vigo na Madroa e un tour polo estadio de Balaídos.

O campus está aberto a todos os nenos de entre 4 e 16 anos que o desexen, se ben os empadroados en Oroso ou que formen parte da ED Xuventude Oroso teñen dereito a unha rebaixa de 20 euros sobre a tarifa oficial. Unha tarifa que é de 120 euros (matinal) ou 170 euros (completa sen xantar) e 195 euros (completa con xantar). Se a inscrición é por dúas semanas, os prezos son de 160 euros, 210 euros e 260 euros, respectivamente. Se a anotación é por tres semanas, as cotas de inscrición son de 190 euros (matinal), 240 euros (completa sen xantar) e 310 euros (completa con xantar). Por último, o custe polas catro semanas é de 220 euros, 270 euros e 360 euros, respectivamente. Haberá descontos por un segundo irmán e a inscrición inclúe unha equipación Adidas da Fundación Celta de Vigo.

As follas de inscrición poden recollerse no Centro Deportivo de Sigüeiro ou a través da ED Xuventude Oroso (www.xuventudeoroso.com). O prazo de inscrición remata o 1 de xullo.