subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O mestre FIDE Fernando Sánchez Aller gaña o IV Torneo de Xadrez Concello de Oroso.


O Torneo reuniu a 88 xogadores, que disputaron 8 roldas e no que participaron 17 membros do Club Xadrez Oroso.

orosoFernando Sánchez Aller, mestre FIDE pola Federación Internacional de Xadrez e actual subcampión de Galicia, foi o gañador da cuarta edición do Torneo de Xadrez Concello de Oroso. Unha competición organizada polo Club Xadrez Oroso, que inaugurou o II Circuíto da Deputación da Coruña e que reuniu a 88 xogadores na tarde do sábado nas instalacións do CEIP do Camiño Inglés, ao pé do Paseo do Carboeiro.

Así, Fernando Sánchez Aller (Xadrez Rianxo) conseguiu o primeiro posto da clasificación final con 7 puntos e despois de non perder ningunha das 8 roldas disputadas. O segundo posto foi para o mestre internacional Arián González Pérez (Liceo Recreo Ourensano) con 6,5 puntos. Completou o podio Antonio Pazos Porta (Círculo Ferrolano de Xadrez), mestre Fide que tamén acadou unha puntuación de 6,5. Os tres primeiros orosáns foron Iván Blanco Calviño (posto 28, con 5 puntos), Martín Pena Varela (posto 30, con 4,5 puntos) e Juan Ramón Salgueiro Aguirre (posto 46, con 4 puntos).

Dende o Club Xadrez Oroso salientan tanto o éxito de participación como o nivel espectacular dos xogadores. “Non é habitual ver xuntos a tantos xogadores de tanto nivel, pois en Sigüeiro participaron 3 Mestres FIDE e mesmo 4 Mestres Internacionais. É unha honra para o Club Xadrez Oroso telos no seu torneo”, explica Juan Ramón Salgueiro, presidente do Club Xadrez Oroso. Na proba participaron un total de 88 xogadores, 58 deles con rating FIDE.

Un total de 17 xogadores pertencían ao club local pero tamén houbo representantes do Xadrez Rianxo, Liceo Recreo Ourensano, Círculo Ferrolano de Xadrez, Escola Luguesa de Xadrez, Club Xadrez Tui, Clube Xadrez Padrón, Alzheimer Bierzo, Algalia, Club Xadrez O Toque Xiria (Carballo), Club de Xadrez EXA (A Coruña), Xadrez Muxía, CD Sanxenxo, Club Xadrez Betanzos, Xadrez Viveiro, Escola Xadrez Compostela, Xadrez Irindo, Club Xadrez Val do Dubra, Club Xadrez Arteixo e Algalia Xadrez.

Os premios foron entregados polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e polo concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde. Dende o Club Xadrez Oroso agradecen a colaboración do Concello de Oroso, Asesoría Rafra, Gadis do CEIP do Camiño Inglés e das familias dos xogadores pola súa colaboración na organización do torneo.