subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso investirá máis de 941.000 euros en obras, financiadas polo Plan Único da Deputación e achegas de fondos propios.


Os fondos destinaranse á reurbanización de tres rúas en Sigüeiro, arranxos de pistas nas parroquias e a construción dun paso cuberto no CEIP de Sigüeiro.

O Concello de Oroso destinará a obras en beneficio dos seus veciños e veciñas todo o Plan Único da Deputación da Coruña, que ascende a 743.404,14 euros máis os 154.512,23 euros correspondentes ao Plan Complementario. Unhas cifras ás que o Concello de Oroso achegará outros 81.000 euros procedentes de fondos propios, de xeito que a partida destinada a obras sumará un total de 941.064,02 euros. De feito, o Concello só reservará para redución da débeda os 48.597 euros esixidos nas bases do programa provincial.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, salienta que “un ano máis, e como vén sendo habitual no Concello de Oroso nos últimos anos, destinamos integramente os plans provinciais a investimentos en beneficio dos nosos veciños e veciñas, sen ningunha reserva económica para gasto corrente”. A achega máis importante, cuantitativamente falando, destinarase á mellora da rede viaria municipal. O Concello de Oroso investirá 328.659,25 euros nun proxecto de mellora da rede viaria nos lugares de Piñeiro e a Costa – Zan (Trasmonte), Valverde-Berdomás (Vilarromarís), Piñeirón-Porto Avieira, Piñeirón-A Falmega, Rúa Celso Emilio Ferreiro e A Igrexa-Porto Avieira (A Gándara) e Mixoi-Castiñeiro Redondo (Calvente). Así mesmo, o Concello de Oroso destinará os 164.512,23 euros do Plan Complementario da Deputación á mellora da rede viaria nos lugares de Oroso de Abaixo (A Gándara) e A Igrexa (Deixebre).

A segunda achega máis cuantiosa é a destinada á reurbanización de tres rúas na capital municipal. Así, o Concello de Oroso investirá 169.481,07 euros na reurbanización da rúa Tras da Torre (Sigüeiro), onde se substituirá a rede de sumidoiros existente por unha nova rede de recollida de augas pluviais e residuais, así como a canalización soterrada das instalacións de alumeado público e telefonía e a renovación da pavimentación.

A segunda rúa que será urbanizada será a do Camiño do Refuxio (Sigüeiro), cun investimento de 125.768,04 euros. Neste caso vaise adecentar a calzada desta rúa e, para facilitar o tránsito dos peóns, construiranse unhas beirarrúas de aglomerado asfáltico. A maiores executarase unha rede de saneamento de pluviais e outra de alumeado público, así como a canalización soterrada das redes de electricidade e telecomunicacións.

O terceiro proxecto de reurbanización é a execución de beirarrúas na rúa do Barreiro (Sigüeiro), que contará cun orzamento de 70.299,63 euros. Unhas beirarrúas de aproximadamente 105 metros, na marxe dereita, e 50 metros, na marxe esquerda. Ademais, o proxecto inclúe a ampliación da zona de rodadura da calzada e o seu adecentamento.

Finalmente, o Concello de Oroso investirá 82.343,8 euros na construción dun paso cuberto no CEIP de Sigüeiro. Unha cubrición mediante lousa de formigón armado de 265,89 m2 de superficie, piares metálicos e base de cimentación de formigón armado. Unhas obras, que contan cun prazo de execución de tres meses, moi esperadas no municipio e que o Concello leva anos reclamando da Xunta de Galicia. Despois das numerosas negativas da Administración Autonómica a afrontar esta infraestrutura, finalmente o Concello optou por incluíla neste Plan Único.