subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Os Reis Magos chegarán este xoves a Sigüeiro á fronte dunha comitiva oficial de preto de cen persoas.


O desfile polas rúas de Sigüeiro contará coa participación da Asociación de Amazonas e Cabaleiros de Oroso e veciños e veciñas caracterizados de pastorcillos e soldados e senadores romanos.

O Concello de Oroso celebrará este xoves 5 de xaneiro a súa tradicional Cabalgata e Festa de Reis. A comitiva de Melchor, Gaspar e Baltasar, integrada por preto de cen persoas, sairá ás 18:00 horas da rúa do Portiño para facer un percorrido polas rúas de Sigüeiro: rúa Insua, praza de Alexandre Bóveda, rúa do Medio, rúa do Portiño, avenida de Compostela, praza da Foca, avenida da Garabanxa, rúa da Cultura, rúa Río Lengüelle, avenida de Compostela e rúa do Xuncal ata a praza Isaac Díaz Pardo. Durante o traxecto repartirán caramelos aptos para celíacos.

Ás 18:15 horas, as Súas Maxestades de Oriente serán recibidas na Casa do Concello pola Corporación Municipal, presidida polo alcalde Manuel Mirás Franqueira. Acto seguido, a comitiva dirixirase ata o pavillón de deportes, onde se agarda a súa chegada ás 19:00 horas para dar comezo a unha gran festa infantil con inchables e música.

A comitiva real estará precedida por un grupo de xinetes da Asociación de Amazonas e Cabaleiros de Oroso, á que seguirá un conxunto de soldados e senadores romanos. Pecharán a comitiva as tres carrozas dos Reis Magos, que irán acompañados por numerosos nenos e nenas de Oroso caracterizados como pastorcillos.