EDUCAOROSO

Educación Secundaria para persoas adultas (nivel III).



Todas as persoas adultas maiores de 18 anos, sen ningunha titulación, que desexen obter o título de graduado en educación secundaria.

As persoas adultas poderán permanecer cursando as ensinanzas básicas ao tempo que o seu ritmo de aprendizaxe precise para a adquisición dos coñecementos establecidos.

Organización:
Estas ensinanzas son equivalentes ás ensinanzas obrigatorias de Educación Secundaria Obrigatoria en réxime ordinario (ESO).

Organízanse en catro campos de coñecemento, mediante contidos adaptados ás necesidades e intereses das persoas adultas.

Os campos de coñecemento estrutúranse á súa vez en módulos, de duración cuadrimestral. A matrícula, para os módulos 1 e 3, é na primeira quincena do mes de setembro e, para os módulos 2 e 4, na segunda quincena do mes de xaneiro.

Duración:
As ensinanzas de Graduado en Educación Secundaria poderán realizarse, con carácter xeral, en dous cursos académicos.

Acreditación:
Ao remate do nivel III do ensino básico para as persoas adultas, expedirase o título de graduado en educación secundaria a todas aquelas persoas que acaden os obxectivos xerais establecidos.

Cando non se rematen os estudos correspondentes á educación secundaria obrigatoria, os directores dos centros emitirán unha acreditación onde consten os niveis e módulos cursados así como a cualificación obtida.

Acceso:
O acceso a estas ensinanzas poderá ser:

  • Por superación do nivel II das ensinanzas iniciais.
  • Mediante proba.
  • Por validación de estudos.

Antes de formalizar a matrícula, haberá unha valoración inicial dos coñecementos e experiencias do alumno/a que permitirá aconsellar en que módulo ou módulos se deberá matricular para seguir con aproveitamento as ensinanzas. Cando a persoa que solicite estas ensinanzas acredite estudos previos, poderá facer a matrícula no módulo que lle corresponda por validación.
 

Probas libres para obtención do título de graduado en educación secundaria:

Aquelas persoas que non poidan asistir normalmente á clase teñen a posibilidade de obter o título de graduado en educación secundaria a través de probas libres.

Estas probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria celébranse en xuño e setembro e convócanse publicamente a través do DOG Para unha maior difusión, a súa celebración anúnciase nos medios de comunicación, sendo a súa matrícula nos centros onde se realice a proba.


O título de graduado en educación secundaria dá acceso a:
- Ciclos formativos de grao medio.
- Bacharelato.